Wednesday 15 de May de 2024

O Concello implanta melloras de saneamento e iluminación en Feáns


 

A alcaldesa Inés Rey e o concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada comprometéronse cos veciños a incorporar novos elementos de xogos no parque infantil do centro cívico

A alcaldesa Inés Rey e o concelleiro de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada, visitaron esta mañá Feáns, onde o Concello está a executar obras de saneamento coa conseguinte canalización de augas pluviais e fecais.

A rexedora e o edil atenderon ás demandas dos residentes e comprometéronse a instalar nova iluminación no barrio para garantir a seguridade na zona. Do mesmo xeito e despois de percorrer o lugar, contemplan a renovación do pavimento en certos puntos nos que o tránsito peonil é complicado e perigoso.

As melloras do Goberno local atinxirán tamén ao parque infantil próximo ao centro cívico, no que se incorporarán novos elementos de xogos para os cativos. O Concello poñerase en contacto cos veciños nos vindeiros días para concretar as necesidades máis urxentes.